Monday 01 de July de 2024

O pleno acorda aprobar a candidatura da Laracha a obter a distinción de “Cidade Amiga da infancia” por UNICEF


Tamén se aprobou a modificación de crédito necesaria para financiar obras de mellora da accesibilidade no parque empresarial e de instalación da iluminación na pista polideportiva que se está a construír en Paiosaco.

Os tres grupos municipais acordaron por unanimidade no Pleno ordinario celebrado hoxe aprobar a candidatura do Concello da Laracha a ser recoñecido por UNICEF como “Cidade Amiga da Infancia”. A distinción concédese a aqueles municipios que mostran o seu compromiso co impulso dos dereitos da infancia e a adolescencia mediante a aplicación de modelos de xestión e de sistemas de gobernanza que xeren mecanismos reais de participación dos nenos e mozos cunha estratexia a longo prazo que sitúe a eses colectivos no centro das políticas municipais.
Neste sentido, o Concello ten aprobado o I Plan Local de Infancia e Adolescencia (PLIA) municipal, documento que articula o compromiso cos dereitos e o benestar dos nenos e adolescentes e orienta as políticas municipais nesa materia, expoñendo os retos e metas que se deben acadar para os vindeiros anos.

A obtención da distinción como “Cidade Amiga da Infancia” suporía o recoñecemento de UNICEF ás boas prácticas municipais e un aliciente para o desenvolvemento, a mellora continua e a innovación das políticas locais dirixidas á infancia e á adolescencia.

Expediente de modificación de crédito

A Corporación municipal tamén acordou -neste caso, coas abstencións do BNG e do PSOE- a aprobación dun expediente de modificación de crédito, a financiar co remanente de tesourería, que permitirá dispoñer dos fondos necesarios para dúas actuacións de mellora de infraestruturas públicas.
Por unha parte está a achega municipal para o financiamento do proxecto de mellora da mobilidade e a accesibilidade no parque empresarial. Crearase unha nova vía na zona sur -dando continuidade á xa existente- que enlace o acceso principal co aparcamento para poder saír e entrar do polígono sen circular polas vías interiores e, así, desconxestionalas de tráfico. Ademais, será creado un novo tramo de beirarrúa precisamente desde ese mesmo lugar ata o viveiro de empresas, onde tamén se acondicionará o entorno habilitando máis espazo de estacionamento de vehículos. As novas infraestruturas viarias contarán co correspondente alumeado público, e tamén se aproveitarán as actuacións para ampliar as redes de abastecemento e saneamento e reforzar a recollida de augas pluviais.

O proxecto está valorado en preto de 223.000 euros. A Xunta de Galicia vén de confirmar a concesión dunha subvención por un importe de 120.000 euros e o Concello achegará os 93.000 euros restantes grazas á modificación de crédito.

A outra actuación consiste na dotación con iluminación á nova pista polideportiva de Paiosaco, que suporá un investimento de 12.000 euros e coa que se concluirán as obras para poder poñer o equipamento a disposición da cidadanía para o seu uso e desfrute.

Declaración institucional

O Pleno comezara coa lectura da declaración institucional en apoio ás persoas afectadas pola ELA. No texto, referendado polos tres grupos municipais, exponse o compromiso do Concello a poñer a súa disposición o asesoramento técnico dos Servizos Sociais á hora de tramitar prestacións de calquera ámbito e a colaborar coa asociación AGAELA naquelas accións que leve a cabo para dar visibilidade e concienciar sobre a realidade desa patoloxía.